Friday 19 de April de 2024

42 expositores participarán na Feira da Plantación de San Sadurniño deste domingo


 

Este mércores pechou oficialmente o tempo para solicitar a instalación de postos na Feira da Plantación do domingo e os datos apuntan a que o espazo vai quedar ben xustiño para acoller tantas peticións como houbo. En total asentarán 42 expositores, 5 máis que en 2018, coa distribución habitual: viveiros, planta e artesanía floral baixo a carpa e o resto dispostos na rúa paralela ao patio do CPI. Por áreas atopamos 12 viveiros, 18 mostradores de produción alimentaria e planta para morteiros, 8 postos de artesanía, 2 de maquinaria e outros dous máis de carácter institucional. A feira, para a que xa está todo case listo, comezará ás 10.00h. e prolongarase até as 19.30 con moitas propostas paralelas. Todo nunha xornada tamén electoral para a que se agarda sol e temperaturas máis que primaverais.

No campo do bispado onde se celebra a feira desde hai anos xa está montada a carpa que acollerá a maior superficie expositiva. Son 825 metros cadrados onde se atopará todo o relacionado a planta ornamental e arborado, ademais da zona na que as persoas visitantes poderán levar completamente de balde un pé de flor por cortesía do Concello e de Viveiros Vivergal, quen colabora no evento xunto coa Deputación da Coruña e a Asociación Brío.

O programa é o xa coñecido. A partir das dez da mañá teremos diante de nós un grande escaparate da primavera con todo o necesario para plantar, principalmente planta e flor, pero tamén pequenas ferramentas, maquinaria, artesanía, variedades para plantíos, produto fresco e elaborado e artesanía.

O programa complétase con outras actividades paralelas: ás 12.00 e as 17.00h. haberá un obradoiro infantil de elaboración de queixos, ás 17.30h. a Asociación Brío ofrecerá unha exhibición de baile e, como é tradición, con cada compra que se faga na feira poderemos entrar nos dous sorteos de lotes de produtos que se celebrarán ás 14.15h. e ás 19.15h.

Ademais, xa que estamos na semana do libro, a Biblioteca Municipal repartirá no posto do Concello -desde as 11 da mañá- arredor de 200 exemplares dentro da campaña “Libros para sermos libres” da Deputación da Coruña. De feito, a Feira da Plantación será o aperitivo dos actos de celebración que a axencia municipal de lectura de San Sadurniño desenvolverá ao día seguinte para a rapazada do centro de ensino.

Este ano hai outra novidade máis. E é que tamén contaremos co espectáculo do Mago Antón “A volta a Galicia en 313 concellos” dentro dun grande “magomóbil” con capacidade para 70 persoas por función. O reputado ilusionista chega a San Sadurniño cunha proposta de 50 minutos de maxia e humor, da que ofrecerá seis pases con entrada gratuíta, tres pola mañá -ás 11.30, 12.30 e 13.30h.- e tres pola tarde, ás 16.30, 17.30 e 18.30h. O tráiler habilitado como escenario estará aparcado ao carón da fachada sur do pavillón municipal, xusto no arranque da nova rúa que enlazará co centro de saúde.

Primeira xornada de “Apostando polo sector primario”
A actividade arredor do potencial económico do rural non para no do domingo, senón que hai que lembrar tamén a primeira sesión do ciclo “Apostando polo sector primario” que terá lugar este venres a partir das 19.30h. na Casa da Xuventude.

O apicultor Marcos Varela falaranos sobre comercialización de produtos agroalimentarios atendendo ao caso do mel. O experto abordará a situación da produción e do mercado, que se enfrontan a pragas coma a da velutina e á entrada de produto estranxeiro de baixa calidade. Boa parte do contido ocuparase, precisamente, do etiquetado do mel.

O ciclo organizado polo Concello en colaboración coa Asociación A Cortiña, a Casa do Mel e a AGFA do Eume continuará o 3 e o 10 de maio falando de fructicultura, fiscalidade e peches feitos con sebes naturais.